Entradas archivadas De Luns a Venres

Mongolia

Escrito el 16.06.11 a las 7:00

Ao rematar cada lexislatura os políticos non só deberían facer unha exposición dos seus correos electrónicos senón tamén publicar un libro de viaxes cos seus destinos máis tremendos. Un libro no que se fale non tanto dos nativos como dos galegos que os visitan. A última expedición dos parlamentarios galegos vai ser a Mongolia interior cun obxectivo fino: estudar o seu sistema autonómico. “Hai paralelismos”, din. Van invitados por China, que preferiu que foran deputados galegos que cataláns: moito gasto levalos en helicóptero. Se se trata de aforrar penso eu que mellor era ir ao Tíbet e viñan xa todos co pelo cortado e roupa nova, pero China prefire que coñezan Mongolia polos paralelismos, que os carga o diaño. Para iso están invitados representantes dos tres grupos e así desactivar polémicas incómodas. O café para todos era unha viaxe á Mongolia interior. Alí tamén teñen unha lingua propia, que é unha cousa moi galega, e unha cultura, curiosamente igual que aquí. Con sorte, mesmo teñen os mesmos días da semana que en Galicia e enterran os mortos. Enterados de tales tradicións, os deputados van para alá a velo cos seus propios ollos. Que anden despacio, non se vaian atopar cos seus dobres e Mongolia sexa o noso reverso chinés, así que toda a vida co tiquismiquis da acepción de galego e cando por fin o sacamos da RAE ao final vannos coñecer como mongoles.


152 Comentarios »

Xornalistas

Escrito el 20.05.11 a las 11:22

Atopei co animaliño hai anos na crónica dun diario nacional. O enviado especial, sen querelo, retratou a parte desta profesión nosa, tan desculpable ás veces. Relata o home nunha crónica na que ía na busca das raíces de Bernardo Provenzano, o capo estupendo: “Un carabiniero detivo o noso coche. Dixémoslle que eramos xornalistas e desculpámonos por non levar o cinto…”. Ten a súa cousa a coartada. Eu xa coñezo algún caso en Pontevedra, tipo “perdóeme, é que son xornalista”. “Ah, moi ben, pois nada. A tope. Mire, alí adiante está cruzando unha señora. Se se apura igual a leva por diante”. A práctica debe ter a súa orixe no suceso, o acontecemento xornalístico por excelencia. Un chega á derrapaxe e deixa o coche onde pode: aí adquire o pecado categoría de venial. O que non se remata de entender é que o pasaporte se lle estenda aos narices do axente cando a velocidade é inadecuada ou o cinto vai solto. Habería que explicar por que a impunidade do xornalista ao volante é maior que a do panadeiro ou o avogado. Ao peor mesmo o que facemos ao escudarnos coa nosa condición é a de non estar á altura.

-Mire, xa sei que vou máis rápido da normal, pero é que son xornalista.

-Ah, pois nada: perdoe. Se nos necesita para interpretar algún outro sinal, non ten máis que pedilo.


374 Comentarios »

Caballero

Escrito el 29.04.11 a las 9:36

O alcalde de Vigo os mobles do despacho de Corina Porro e para elo abre as portas:  que a xente pase por alí, vexa e compre. Que Abel Caballero ten alma de feirante é algo que os visitantes ocasionais de Vigo xa intuiamos, e que os vigueses teñen por certeza. Poñer un feirante a gobernar a cidade de maior peso de Galicia non é bo nin é malo, porque depende do feirante, pero Caballero é dos tremendos; un señor acomplexado que enche as rúas con eses carteis de feito pola Alcaldía (feito por min) e que ten o límite do ridículo moi baixo, co apuro que sempre dá iso. Despois de catro anos cos mobles do despacho de Porro intactos agora acorda que son luxosos e non valen, e monta un mercado de oportunidades a un mes das eleccións para chamarlle parvo ao pobo, que é como se lle chama á xente cando un fai da súa xestión un recital de carteis, placas e espectáculos pancistas. Seica foron dez persoas por alí a botarlle un ollo á cousa, enténdese a que a metade delas xornalistas e a outra metade curiosos rebotados do Centro Reto. Non sabemos se o alcalde levanta as cadeiras como se fosen bragas e grita iso de que llo están a quitar das mans. Que ande con coidado, non o vaian levar a el para casa, pois agora mesmo en Vigo non parece que haxa ninguén que pague máis por un alcalde que por unha mesa.


261 Comentarios »

Fama

Escrito el 16.04.11 a las 8:00

Díxollo un amigo meu ao médico da vila. Eran as dez da mañá e remataban as últimas copas. “Mira, o médico do pobo pode saír, pero non pode ser que sexa o que máis saia do pobo”. Logo está o do pai ao despedirse do seu rapaz no colexio: “Fillo, non quero que sexas nin o primeiro da clase nin o último”. Penso niso, e na aurea mediocritas (“os gozos dunha vida sinxela distante por igual da opulencia e a miseria”) mentres vexo acenderse Twitter e a palabra escrita, testemuña dos tempos. Unha mediocridade dourada. Díxoo Sabina do seu pai, o comisario retratado por Muñoz Molina naquel xinete polaco. O áurea mediocritas protéxelle a un do asañamento do ollo público: o Grande Irmán que nos escruta para logo devorarnos nun conmovedor exercicio autofáxico. Cando Warhol contou aquilo de que todos merecemos quince minutos de fama esqueceu citar o baleiro que produce logo somerxernos nas tebras da nosa rutina: o horror de quen creu ver o paraíso na luz insípida dunha fama irreal, allea a méritos. Avisouno Quincey: un empeza matando un home e remata por deixar as cousas para o día seguinte. O anonimato é xa un privilexio que non paga a pena vender, nin sequera por quince minutos. Alguén lembrará algún día a túa cara e dirache quen fuches, ou quen deixaches de ser, e esa será a túa penitencia.


184 Comentarios »

Crise

Escrito el 25.02.11 a las 8:56

Na enésima guerra polo seu orgullo ferido, Galicia por fin contra un rival de altura: unha concursante de Gran Hermano. Miles de persoas en Facebook baixan o dedo como os emperadores romanos nos seus palcos, asqueados polo espectáculo, e o portavoz do BNG, Guillerme Vázquez, apela ao orgullo “máis que nunca” de ser galegos nesta situación de verdadeira emerxencia nacional. Reprodúcense as tribunas de prensa e as fogueiras nas vilas para recibir a traidora, esa pécora que vén de tirar a dignidade dun pobo diante nas narices deses millóns de persoas que xuran non ver telelixo, non prestarlle atención e ter na peor consideración os seus participantes, un atallo de maleantes que buscan a fama pola fama, chonis de arrabalde; un programa no que hai anos se presentou un vasco que dixo que tal situación era “kafkiana” e os compañeiros rodearónno en silencio e chamáronlle “intelectual”; un programa, digo, sen dicir en min, no que a súa presentadora dixo que mexaba na ducha. Unha nena de 25 anos coa suficiente bagaxe filolóxica e sociolóxica como para entrar na casa e expoñerse a ser nomeada. Alguén de opinións retransmitidas en directo nunha canle que non hai dúas semanas era CNN+, así que en lugar de falar coa Vane ben podería estar facéndoo con Gabilondo ou Antonio San José.  Que fai o pai pensando en arranxalo todo pedindo perdón e proclamando a Que fai Callón que non se pon en folga de fame. Que fai Ferrín que non convoca sesión extraordinaria da RAG.


153 Comentarios »

Fans

Escrito el 5.02.11 a las 10:00

Os veciños de Cee (A Coruña) recibiron o seu alcalde cando chegou aos xulgados dándolle palmas como se fosen os fans da Pantoja: por riba do que puido facer, se fixo algo, está o artista, ¿sabe usté? Isto pasa cada vez máis porque os políticos non teñen votantes, senón fans, e preocupa, porque da Pantoja sabemos que canta ben, pero do alcalde de Cee non sabemos que fai, aínda que o sospeitemos, para ter esa cantidade de incondicionais que lle van ao calabozo a cantarlle serenatas. A ovación ao esposado é unha práctica habitual en España e hai pouco viña a comentalo Camps, que por cada traxe gaña dous escanos. O pobo entrégase aos  seus políticos como o fan os cans aos donos, a cegas, e nesa fe relixiosa enténdese que por cada delito cometido polo líder saian os veciños a facer a onda. Aquí hai unha comprensión exaltada e ata unha complicidade divertida, por parte de algúns en plan “mira que pillabán”, e por parte de outros, máis convencionais, naquilo de que “non mataría unha mosca”. A aquel alcalde de Toques (A Coruña) case o levan vila adiante baixo palio despois de que lle andivera nas tetas a unha nena de doce anos. E as últimas sondaxes en Italia danlle ao presidente Berlusconi un resultado tan favorable que en Galicia os partidos deberían mirar o de cambiar a laconada e o carneiro ao espeto polo bunga- bunga; ao fin e ao cabo trátase do mesmo: darlle de comer ao famento, aínda que non se comparta o gando.


55 Comentarios »

O urbanismo máxico de Sanxenxo

Escrito el 28.12.10 a las 0:45

estes días dun feito habitual en Sanxenxo: a orde xudicial do derrubamento dun edificio, que é no meu pobo un clásico como as touradas en Sevilla. Aquí, como en Sevilla, os construtores saen da obra pola porta grande e ombros do alcalde de turno. De aí non pasaría a noticia, e nin sequera lle prestaría eu atención, sobre todo porque foi a miña familia a que denunciou a barbarie (un bloque ao que só se chega a través doutro bloque, sen máis acceso) se non fora porque o Concello de Sanxenxo vén de reaccionar á sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dicindo que si se incumpre a lei porque non hai unha rúa ao lado, faise a rúa. Así que en vista de que o edificio non se axusta á lei, en lugar de mover o edificio móvese a lei, o cal me parece ben sempre que cando unha casa esté moi preto do mar, o Concello retrase o mar para legalizala, que é algo que xa se fixo con acerto cando houbo que facer recheos na praia de Silgar. A declaración, con todo, xa é un clásico urbanístico nun pobo no que todo o é: Sanxenxo é o Macondo do urbanismo máxico galego e que o debería de facer a Unesco é declaralo patrimonio da humanidade e facer rotar polo Goberno local aos que mandaron aí os últimos trinta anos para seguir potenciando esa postal de qué verde era mi valle.


323 Comentarios »

Ameixeiras

Escrito el 7.10.10 a las 8:09

“Calquera día preséntome na sede da UPG cun fusil de asalto”, berra Beiras, aka Xosé Miguel Balseiro. A resposta que obtén é deliciosa: “Seguro que así [Paco Rodríguez, aka] Xelmírez te recibe cos brazos abertos”. Preto dun piano de cola nun salón de mobres brancos e alfombra de bambú, ese Balseiro pecha os ollos escoitando a Jacques Brel e logo di: “Queres que che poña La vals à mille temps ou prefires algunha que insulte á burguesía?”. Ameixeiras saca a rúa , unha novela escrita coas ventás abertas e que foza con enerxía no enxame feliz das familias do BNG tras a derrota de 2009. “Só alguén cun refinado gusto pola coctelería ideolóxica pode mesturar no seu credo a Lenin e a Castelao. Por iso admiro a UPG (…)”, di Guillerme Vázquez / Agustín Seara. O detective Cudeiro colle camiño a Santiago para investigar a morte do deputado Mario Dacosta (sen correspondencia: “non me atrevín a matar alguén”, dixo o autor) aspirante a suceder a Quiroga, o líder derrotado nas eleccións que suspira ao final da novela: “Que volvan facerse públicos tantos desencontros é tan probable coma que eu sexa tertuliano da Cope”. Con esa ironía devastadora dun tipo peculiarmente dotado para ela como Ameixeiras, e un percorrido atento polo clasicismo do xénero negro no cuarto escuro da política, no que vai coándose o fío tremendista da guerra civil e os seus ruidosos espantos, o escritor ourensán vén de escribir un libro excelente.


69 Comentarios »

Aforrair

Escrito el 11.09.10 a las 0:19

correuse a nova de que Ryanair prescindiría dos asentos e obrigaría os pasaxeiros a voar de pé suxeitos a unha barra como xamóns. Non sei que foi dela, nin tampouco sei por que, de estar xa amarrados a unha barra de ferro no teito do avión, non habería de prescindir Ryanair do chan, co que se aforra en chapa. O caso é que ese xenio moderno dos low cost chamado Michael O’Leary vén de contarlle agora ao Financial Times que está a estudar a , algo que permitirá, en caso de morte por infarto do piloto, a algún pasaxeiro converterse en heroe e postularse para presidir o Observatorio de la Violencia de Género da Comunidade de Madrid. No caso de que ninguén aspire a ese privilexio, O’Leary aconsella a todos pensar nos trens: “Tamén neles só hai un maquinista, aínda que se este sufrise un ataque cardíaco podería producirse unha colisión”. Non é pouco consolo. Para o demais está o ordenador ou as azafatas, que procurarán substituír a función do copiloto, segundo O’Leary: “Asegurarse de que a persoa ao mando non queda durmida”. Coñecendo o manual de aforro de Ryanair o máis probable é que antes de quedar durmido o piloto se desinfle: polo menos que lle poñan o pitorro nun brazo e non no paquete, non vaiamos ter antes de morrer

.


A esas horas estaba en el periódico. Todos los momentos excepcionales de la Historia que han ocurrido en los últimos cinco años me han pillado aquí: desde la muerte del Papa hasta la boda de Farruquito. El día era tan azul y tan bonito que se fueron juntando espontáneamente varios boy-scouts por la calle cantando “madre anoche en las trincheras / entre el fuego y la metralla”.

.


FronteraD recupera esta semana el que publiqué en Diario de Pontevedra y, hace dos números, el reportaje sobre la droga en el Salnés y la Pero sobre todo, a finales de julio Pablo Mediavilla firmó y ayer mismo .


47 Comentarios »

Extraterrestres

Escrito el 14.05.10 a las 9:34

Stephen Hawking vén de “altas probabilidades” de vida extraterrestre, algo lóxico vendo o panorama, pero informa tamén de que é moi probable que estas intelixencias descoñecidas sexan superiores e que, en caso de visita, o fagan para proverse de recursos: o clásico cheghar e encher. O que quere dicir Hawking é que non podemos recibilos como a Preysler. Vese que o científico non tivo en conta o que dixo o experto Fernando Magdalena hai vinte anos en Vigo nunha conferencia que tivo enorme expectación nos xornais: os marcianos son “socialistas, pacifistas, suspicaces e utópicos”. Agora poñan a mirada nesas cellas de misterio que gobernan España e pregúntense en voz baixa polos números do paro, o optimismo antropolóxico co que se baixan os soldos e ese sorriso escorregadizo baixo o que se adiviña o horror, que diría Kurtz.


21 Comentarios »



© 2004–2009. todo el contenido de este blog está sindicado bajo una licencia creative commons.

feed rss. blog empujado por .