Na épica do perdedor
Xosé Feixó sobre A estación violenta, :
Temos nesta ocasión o dobre pracer de saudar un novo selo editorial (Edicións Morgante, intimamente relacionado con Rinoceronte Editora, criaturas de Moisés Rodríguez Barcia que veñen renovar, rexuvenecer e revitalizar a edición galega, non só con novos títulos, senón sobre todo con ideas audaces e necesarias que dinamizan o noso panorama cultural, ou iso intentan, obrigación que moitos, en todos os ámbitos, moi ben tratados polo establishment, non cumpren, aínda que si reciben, sen o menor recato o co maior descaro, os meles do erario e o aplauso dos coniventes) e a primeira novela dun novo autor, Manuel Jabois, do que podemos esperar obras de sumo interese.
Á marxe da polémica sobre o título, coincidente cun poemario (La estación violenta, 1958) de Octavio Paz (premio Cervantes, premio Príncipe de sturias e premio Nobel en 1990), xa que o artigo 10 da LPI, no seu punto 2, establece que “O título dunha obra, cando sexa orixinal, quedará protexido como parte dela”, cousa que, sen dúbida, non é froito máis que da maior das casualidades, o certo é que estamos ante unha obra incontestablemente orixinal, cuxa lectura, por momentos, chega a ser moi gratificante, pois, en efecto, acada o libro trazos de gran literatura, nos que algúns lectores chegan a ver influencias de grandes escritores, o que vén confirmar o dito anteriormente, sexa iso certo ou froito de buscar comparacións noutras literaturas de referencia.
Escrita de forma amena e lixeira, induce á lectura continuada, e, por veces, á relectura, ben por recrearse na prosa fluída, ben por evocar ou reintepretar o contido. As personaxes, mozos desencantados da vida, envoltos na épica do perdedor, no romanticismo, na vida que se desenvolve, desgraciadamente para uns, sen ganas de madurar para outros, cousas que, co transcurso do tempo, fan que se vexan melancolicamente, perdido o paraíso da mocidade, desencantados da súa sorte e das súas experiencias vitais. E todo isto, narrado dun xeito acertado nas formas e no fondo: soltura literaria e lingüística para chegar a transmitir os profundos e sinceros sentimentos dos personaxes nas súas convulsas e variadas experiencias, rematando a novela coa mesma sensación de tristura que impregna toda a obra: “máis aló das nubes rosadas do atardecer, a mancha gris da cidade baixo un ceo recortado pola cegadora saia vermella do crepúsculo. Todo nos era alleo e hostil. Levantei o queixo e durante moitos anos ese xesto foi o único que puiden lembrar das últimas semanas daquel verán”. Parabéns ao editor e ao editado.
Felicidades, y esperamos la botellita de Champán en el NJ