Entradas archivadas De Luns a Venres

Pepe

Escrito el 27.03.09 a las 3:10

Pepe marchara de Santander no 91, ano histórico en España porque se instalou o mamachichismo na televisión e a xente encheu os bancos para deixar os cartos e andar máis lixeiros. Chamábanlle Pepe o do Popular porque a xente é así. Unha vez alguén deixou este titular en El Progreso: “Eu son Paco e non me quites de aí”. Parece humildade, pero ollo. Para que se che coñeza na rúa co nome de pila hai que ter detrás moita vida e ter xuntado moitos amigos no Facebook. Felipe será sempre Felipe e en Galicia a xente tamén dicía moito o de Emilio: iso é que te queren ben. A Pepe o do Popular a xente queríao “un huevo”, que dixo un cliente del, e dábanlle os cartos en confianza, que para iso traballaba nun banco e non na pescadería. En Galicia houbo logo outro Pepe moi famoso á parte de Cuíña, pero era Pepe o do Pastor. Se alguén se chama Pepe e ten que pedir traballo a un banco case mellor que se presente como O Solitario. Mais todo ten unha explicación. Da mesma maneira que houbo un Pepe carpinteiro que deixou a muller embarazada dun deus sen tocala (¡Pepe o do Pastor!), tamén eles foron paseniño enchendo o peto cos parabéns da sociedade ata crear outro deus sen mancharse. Todo moi familiar.

No hay comentarios »

Linces

Escrito el 20.03.09 a las 2:24

Hai uns anos Dolce & Gabanna fixera un anuncio que provocou unha tremenda polémica nas morais máis sensibles. Nel víase unha fermosa muller sometida por varios homes aceitosos e musculados de prometedora sexualidade, nun dos cales moita xente me recoñecera pola rúa. Naquela imaxe había dominación e eu entón escribira un festexado artigo onde metía aquel parágrafo logo tan citado nas facultades: “A publicidade tende a recoller o pulso da vida baixo o ollo clínico da provocación e dun moi inspirado reflexo social” (dito coa cara de Woody Allen en Soños dun sedutor cando mira a namorada e di: “A choiva arrastra os recordos polas beirarrúas da vida”). O meu punto de vista nestes tempos sempre foi o de Benetton, Dolce & Gabanna e todas esas marcas para ricos que entenden as campañas de publicidade como a mara salvatrucha os pans: como hostias. Que se fale aínda que ben, dixo Wilde nun momento de debilidade. Eu defendo a posición da Igrexa católica, marca de luxo, que vén de encher portadas bebendo da fonte (¡milagre!) de Oliverio Toscani. Botan en cara os curas que as leis protexan máis o lince que os homes, sexan os homes o que sexan: e canto máis os coñezo, máis quero o meu lince.

1 Comentario »

Encargo

Escrito el 16.03.09 a las 1:24

O resultado das eleccións autonómicas vén de abrir un debate de altura: ¿é Galicia de dereitas? A pregunta hai que circunscribila no tremendismo postelectoral, pois aínda non se respondeu outra pregunta aínda máis sensual: ¿que é Galicia? Lembro a primeira vez que mo preguntaron. Estaba na casa e chamaron para facer unha enquisa. Empezaron cunha moi faciliña: ¿séntese vostede máis galego que español ou máis español que galego? Tomei aire e sentei na mesa da cociña. Bebín un vaso de auga e mirei pola fiestra. Pasou a miña vida por diante, e chorei lembrando a infancia e os avós, e ata puiden recuperar a emoción do primeiro bico. Cando collín de novo o teléfono o dinosauro aínda estaba alí. Dixen a verdade: “Síntome Flex”. Nunca me levantara especialmente galego ou especialmente español. Tampouco tiña conciencia de nada. Cando a seguinte pregunta foi que era para min Galicia dixen rápidamente a verdade: “Iso é traballo dos intelectuais”. Dito por alguén que abomina dos intelectuais entendidos como tales e que ultimamente nin sequera le pois danlle mareos, a resposta adquire certa sensibilidade, un íntimo esplendor. Iso é Galicia: un encargo para intelectuais.

3 Comentarios »

Tamén

Escrito el 5.03.09 a las 3:02

A Moragas levouno o PP na campaña polas corredoiras e nunha delas picou unha roda: vaia zarzuela. Superouno, dixo, grazas á calor que recibiu dos “gallegos profundos”. En mala hora. Se hai algo que Galicia non resiste é a profundidade. Nós somos máis de superficie. En Galicia a profundidade vai a xeito co pailán que leva a vaca atada pola corda pero que é, na súa variedade folclórica, un Einstein local que os da capital aplauden. Tamén hai irmáns que se matan por terras, pero aquí e mais en Iowa, dende que o home é home e os pais morren. Moragas ademáis é un relambido, así que estaba servido. Déronlle tantos paus que tivo que aclaralo en clave política, que era ao que andaba polas corredoiras. A min a historia lembroume o chiste dese home que leva a súa filla a coñecer “la Galicia del rural” e pregúntalle a un gandeiro que tal leite lle dan as ovellas. “As brancas ou as negras?”. “Non sei…, as brancas”. “As brancas dan un leite boísimo, estupendo!”. “E as negras entón?”. “As negras…”, primeiro dubidando e despois xa convencido: “as negras tamén”. E así coa la e a carne ata que lle pregunta o home cal é a diferenza entre as ovellas. “Home, é que as brancas son as miñas!”. “E logo as negras?”. “As negras…, as negras tamén!”.

No hay comentarios »

Naufraxio

Escrito el 22.02.09 a las 16:01

Wallace H. Hartley, Roger Bricoux, Fred Clarke, P.C. Taylor, G. Krins, Theodore Brailey, Jock Hume e J.W. Woodward formaron a orquestra do Titanic. Na noite do 14 de abril de 1912, co barco indo cara a morte, puxéronse no salón da primeira clase para que os pasaxeiros non perdesen a calma. Cando a traxedia xa non tiña volta atrás, entre as carreiras duns e doutros, cos botes cheos de xente na procura da resurrección, os músicos puxéronse na popa e seguiron interpretando as súas pezas no medio daquel baile de terror. Tocaron ata morrer: ninguén deles sobreviviu. Testemuñas dixeron que a última peza foi unha traducida como Máis preto, Deus, de ti. Hoxe en día fálase de actuar como a orquestra o Titanic a quen mira a outro lado ou segue a súa vida como se nada pasase cando algo de ti se derruba. Pero o Titanic non tiña salvación e a música da súa orquestra representaba o último deber feito e unha certa diabólica expresión de beleza, como pecharlle os ollos a un morto. Chega un momento do naufraxio no que o home debe asumir con dignidade o seu destino e marchar coa grandeza das insólitas ocasións. Como aquel de Absalón, Absalón!: “Vai ser quizais que nos mataron; pero aínda non acabaron connosco, va que non?”.

4 Comentarios »

Barack Quintana

Escrito el 12.02.09 a las 16:12

Barack Quintana, titula sen exceso A Nosa Terra. Houbo non hai moito un Barack Guardiola e cen mil Baracks máis. E moito antes, case na prehistoria, un Barack Obama. Os políticos, coma os futbolistas, nacen en comparanza. A prensa non busca o novo Maradona senón o novo Messi. E repasa os candidatos ao seguinte Barack cando non leva un mes no cargo. Todo é moi vello. Se o de Quintana sorprende é polos termos cos que o levan da man á White House: “Pode un enfermeiro, ex alcalde dunha vila de seis mil habitantes, que fala galego habitualmente, chegar a ser presidente de Galiza?”. O vicio é tanto que se lle perde o punto á realidade. A pregunta tería sido outra: “Pode un ex ministro de Franco, colaborador activo dunha ditadura militar, que perseguiu o galego habitualmente, chegar a ser presidente de Galiza?”. Yes, we can e dezaseis anos. Que chegase Fraga podería ser intrepretado como se Obama gaña unhas eleccións no estado de Alabama no século XIX, mais nunca foi nada extraordinario e deuse por lóxico. Este país está afeito a escándalos. Se Quintana gaña en Galicia non será superando esa barreira histórica tan singular de que fale galego habitualmente ou veña de ser alcalde de nada. Peor o tería se fose negro, non teñan medo.

2 Comentarios »

Demo

Escrito el 5.02.09 a las 1:54

Deus é bo pero o demo non é malo. Vén de coller o refrán Kiko da Silva, director de Retranca, para ilustrar á empresa de autobuses que desbotou unha campaña de publicidade da publicación da revista. A mensaxe de Retranca era contrarrevolucionaria: “Probablemente os deuses non existan, pero a cultura galega si. Por que non falamos das cousas que existen?”. Nun país no que se teñen censado xentes que xa non viven empadroadas en concellos imposibles é moito pedir, pero alá Retranca. De tres meses de publicidade que contratou a revista, Vitrasa entendeu que con seis horas chegaba, pero onte houbo acordo e seguirá a campaña, cambiando ‘deuses’ por ‘Zeus’, máis olímpico. Tamén é certo que en menos de seis horas dálle tempo a calquera a probar a existencia de varios deuses e a invisibilidade, case chanante, da cultura galega. Mais sorprendeu a primeira reacción da empresa de autocares, que veu dicir que non quería problemas na terra nin no ceo. Sorprende porque das cousas máis tremendas que a un lle quedaron das misas que papou de neno é que aos tibios “Dios lo arroja por su boca”. Se iso fai Deus, que é bo, qué non fará o demo, que non é malo.

No hay comentarios »

Os mortos

Escrito el 30.01.09 a las 4:12

Antigamente eran as mulleres as que ían comprar a caixa para o morto e volvían con ela baleira sobre os moños na cabeza. Unha factura que se conserva dos anos corenta ten o prezo do cadaleito, da roupa negra e do quilo de pan, porque as distancias eran longas e moita xente durmía na casa do morto. Naqueles velorios achegábanse os parentes a levantar o defunto e facerse fotos con el. O peito enorme dunha romana achegouse ao cadáver de Julio César e derramou leite dentro da súa boca. Tamén a morte perdeu liturxia. Nin os enterros se celebran pola mañá nin son sempre as mulleres as que marchan elixir a caixa como quen vai a Portugal mercar toallas. Ao lado de Valle na mesma noite de tormenta de Boisaca enterraron os falanxistas un can morto. Aínda hai familias que pagan o mellor cadaleito porque “traballou toda a vida e merece descansar ben”. Unha veciña de Anceu, en Ponte Caldelas, queixábase hai anos de que se lle aparecía unha irmá morta que non a deixaba en paz e pronunciaba o seu nome na soidade da casa. Ata que un día, no cemiterio, achou que a porta do seu nicho andaba medio aberta e batía co vento. “Pobre miña irmá”, dixo, “chamábame porque non quería que rompese e botase gasto na casa”.

2 Comentarios »

Sacha

Escrito el 9.01.09 a las 6:29

Nunca houbo relación máis folclórica entre a ciencia e a moral como nun caso que vén de despachar Nature na súa portada desta semana: Sacha é fillo do seu pai, Borja Thyssen. A historia é fascinante e ilustrativa. Anos despois de regalarlle un par de peitos (¡o paraíso!), a baronesa Thyssen dubidou da moral da súa nora cando lle deu o primeiro neto: unha cousa é o que saia por riba e outra, moi diferente, por baixo. Obrigou ao seu fillo a pasar unha proba de paternidade: fíxoa, e confirmou ser o pai. Fixo outra, que tamén o confirmou. E a nai, coma nos contos de fadas, fixo pasar ao fillo pola terceira. As revistas dixeron que o neno Thyssen negouse a elo, máis preocupado polas súas reservas de ADN que dos presuntos cornos, tan sachado estaba. Pero foi igual, e os resultados seguiron a ser os mesmos. Se a ciencia foxe xusta (que non o é, porque non sempre a verdade o é), nunha terceira proba a paterrnidade de quen sexa debería apuntar a Shrek. Pero nada hai máis transparente que o ADN e nada máis felino ca moral dunha nai. E Sacha xa é fillo de tres pais: do rapaz Thyssen (ese Paquirrín fashion), da sospeita da súa avoa e dun sutil avance científico que pon contra as cordas, sorprendentemente, á moral. Coma no porco, tamén na ciencia é todo aproveitable.

7 Comentarios »

Drogas

Escrito el 27.11.08 a las 11:38

Hai dez anos o cantante Manolo Kabezabolo tocou en Mougás. Saíra cun permiso do psiquiátrico. “É un permiso moi curtiño, así que vou cantar as cancións unha detrás doutra e a toda hostia”, díxolle ao público. Rematou en vinte minutos. Lembrei aquela historia vendo unha serie de programas chamado Carta Blanca que emitía a TVE e que pode atoparse agora no Youtube. Nun estivo invitado Antonio Escohotado e levouse con el a Albert Pla e a Bebe para falar das drogas. Escohotado é o autor de Historia General de las Drogas, que é un ensaio monumental. Dixo o filósofo que a prohibición fora o maior experimento moral do século, xa que as drogas sempre estiveran ata entón aceptadas. E chamou a atención sobre unha cousa: mentras o prezo das cousas sobe cada ano, as drogas seguen a custar o mesmo, ou aínda menos, que hai quince. Pla dixo nalgún intre: “Ás veces a xente…”. E Escohotado cortoulle: “¿Ti consideraste parte da xente, Albert?”. Escohotado defende a educación, non a prohibición, que conleva ignorancia. “Non podes conducir un automóbil sen aprender”. Bebe fumaba un pito tras outro e ás veces sorría. Ao final Escohotado preguntoulle a Pla pola mortalidade a causa da droga. Pla, coa cola de pelo suxeita cunha gomiña rosa, subiu algo as cellas e baixou aínda máis a voz: “Home, a mortalidade inventouse antes que as drogas, ¿non?”.

8 Comentarios »



© 2004–2009. todo el contenido de este blog está sindicado bajo una licencia creative commons.

feed rss. blog empujado por wordpress y montado por juan andrés milleiro.