Entradas archivadas De Luns a Venres

Tupper

jj-vazquez2

O día no que eu toquei fondo nesta profesión foi cando Jorge Javier Vázquez me chamou por teléfono para darme a noraboa por un artigo no que falaba do seu programa cunha ironía salvaxe que non sei se chegou dabondo. Tiven que deixar pasar os segundos e mirar as caras dos compañeiros para saber que non era unha broma, e puxen o altofalante para que ninguén pensase que soñaba. Estas cousas poden pasar agora pola cousa de internet, e teño sabido que chegan ás veces aos protagonistas, pero eu falo dos anos nos que eu escribía no xornal e no papel quedaba: o provincianismo puro e duro cun radio de acción que non chegaba, de ningunha maneira, a Jorge Javier Vázquez. Logo souben que o programa Aquí hay Tomate tiña un marabilloso servizo de prensa que lle achegara o recorte. Lembreime disto antonte cando un amigo me escribiu para contarme algo excepcional: Federico Jiménez Losantos tiña na onda a Jorge Javier Vázquez. “Os máis grandes”, pensei: “Isabel Pantoja e María del Monte”. Alí estaban desenvolvendo a vella fórmula inaugurada a todo trapo por Nieves Herrero en Alcasser: o periodismo das tripas colgando e das emocións suxeitas a intereses sempre felices. O xornalismo de éxito que lle rifa ao espectador e se dirixe a el para convencelo da verdade, non para contarlla. “Non é lixo, é neorrealismo”, dixo o meu querido fan antes de contar na radio, en exclusiva, que a vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega pediu unha vez un tupper para levar o arroz sobrante. E aí quedou esa palabra, tupper, flotando entre os dous, un pouco incómodos.


No hay comentarios »

Familia

stalin_and_wife

Vieiros deu conta dunha desas noticias: o neto de Stalin demanda un xornal por deshonrar o seu avó. A noticia coincide coa publicación de El Mundo dunha reportaxe sobre os cazahitlers: todos mudaron o apelido a Hüttler ou a Stuart-Houston, e non hai descendentes directos, senón sobriños e así. Se non hai cazastalins é porque xa eles van aos xornais a defender a memoria do avó. Tamén os Franco, cando poden e sen chegar aos extremos de tocarlle a cara á prensa, defenden ao seu modo a memoria do ditador: unha falando das tardes de verán en Meirás; outros zurrándolle directamente á muller. Unha  cousa é a familia e outra ben distinta, a humanidade. Claro que hai familias e humanidades: os Hitler disque renuncian a ter fillos para  afundir a liña xenética e acabar coa maldición. Poden reconsiderar  a opinión, e ata mudar o apelido con certo apuro, se a sentenza dá a razón ao neto de Stalin e gaña os 200.000 euros que lle pide ao xornal. De feito, o mundo pode volver encherse de grandes apelidos se os netos denuncian a todo o que deshonre a memoria dos seus queridos avós. É cuestión de miralo con perspectiva siciliana: a familia  é o primeiro.


No hay comentarios »

Tuna

PauloCoelho2.jpeg

Hai anos lin esta frase: “Cando todos os días resultan iguais é porque o home deixou de percibir as cousas boas que xorden na súa vida cada vez que o sol cruza o ceo”. Supoño que estas cousas son as que lle cambian a un a vida. Para mal, naturalmente.  A frase lina de maneira automática, como dixo hai pouco Ildefonso Falcones (o autor matou o personaxe): “Hai que ler sen pensar”. Supoño que iso foi o que me salvou, porque a frase é de Paulo Coelho, a tuna da literatura universal. Lembro un tempo no que lin  El alquimista a proposta dun amigo que xa non o é: un tende a eliminar sen moitos miramentos a xente que se permite este tipo de licenzas. O que xa non sabía é o que vén de contar Jaureguizar en El Progreso: que Paulo Coelho ten Twitter, e que por alí escriben Confucio e ata el mesmo (Coelho, non Jaureguizar). Nese Twitter seu Coelho ten moitos ‘followers’, e precisamente é iso o que sempre me preocupou de Coelho e as súas parábolas de budista pasado de MDMA, da mesma maneira que penso que o mal  non é que exista Charles Manson, senón que haxa quen lle faga caso. E xa sabe como acabaron os ‘followers’ de Manson: non mellor do que poden acabar os de Coelho.


5 Comentarios »

@

O símbolo co que titulo esta columna vén de gañar o Príncipe de Asturias. O seu inventor, Ray Tomlinson, para ser máis exactos. Dise arroba e separou hai máis de 30 anos o nome do servidor para mandar un email a outras redes: viña o futuro. Tomlinson dixera hai tempo que usaba o email para correos de traballo e tamén para comunicarse cos amigos, mais non para o amor. O amor sempre é algo que a xente mira de esguello e con el prefírese a tradición (“as cousas ben feitas”, diría algún ben fachendoso). Tomlinson comenta que prefire as cartas. Cando vexan vostedes nubes de fume ou os ecos do tam-tam pensen en alguén aínda máis romántico que Tomlinson. Nunha das súas arroutadas morriñentas, Saramago dixo hai tempo: “Ningunha bágoa manchará un email”. A frase acollina co entusiasmo da xuventude ata que nun momento de cordura imaxinei o propio Saramago sufríndoa, e non foi tan doado sostela. Daquela tiña coñecemento o Nobel luso do email pero probablemente non do spam, que é a miña fonte predilecta das mensaxes de amor, veña en forma de alongamento de pene ou de moza rusa que me pregunta se me lembro dela e que quere coñecerme mellor. O amor é inesgotable.


2 Comentarios »

Brazo

Houbo quen datou a morte do capitalismo cando o Goberno dos EE UU nacionalizou General Motors, que foi como nacionalizar o Tío Xilito. A historia dinos que sempre que morre algo moi importante hai que contar tres días para saber se morreu de todo. Un diario de Levante levantou onte acta do rexurdimento. Un boliviano sen papeis que cobraba 23 euros por 12 horas de traballo deixou o brazo esquerdo nunha máquina amasadora de pan: a empresa desprazouno a varios metros do hospital, que tampouco vén mal facer exercicio (e hai que acostumarse a correr sen brazo por se lle pasa a un o que a Paquito Llorente no Bernabéu); limpou o cacharro e botou o brazo ao lixo. Cando a Policía foi ver se se podía recuperar e reimplantarllo, atoparon un conserxe asubiando. Chaman ao señor Lobo e non o faría mellor. Da crise pódense dicir moitas cousas, pero non que haxa empresarios que valoren máis a hixiene que os reparos morais, que son os que fan perder cartos. Os movementos sociais sempre foron lentos e pesados, pero hai algo que os marca profundamente: os símbolos. Ese brazo inmigrante no lixo xa é a nosa fouce e martelo: a cara B, tan esixente, do capitalismo.


2 Comentarios »

A Galega

pale-rider-2

Unha das intelixencias máis sutís da contemporaneidade, esa idade inconcreta que se estende desde o século pasado a semellanza da liña biolóxica de Fraga, é a amosada pola TVG, a única supervivente punki dos dourados 80, aqueles nos que un Pepe Domingo Castaño prebravú acendía o plató co escintileo da montura dos lentes. No cambio político de 2005, a noite electoral foi conducida como un cadaleito ata que alguén, nun golpe de man, decidiu repoñer un episodio de Se ha escrito un crimen. As televisións públicas sempre foron un paso máis adiante que o xornalismo convencional, envolto en purezas. Coa estrea dos cargos do PP na Galega vénse de aprazar a emisión dunha reportaxe sobre aquela crise das vacas tolas, dise que a petición dun sindicato afecto. Alégase que as imaxes afectarían negativamente o sector: a información posta ao servizo da patria. Nada novo: no seu momento tampouco houbo marea negra e xa as familias metían os fillos tolos no soto para que non os mirasen os veciños. A noticia aquí non é a censura, ata nostálxica, senón o carácter dadaísta da película coa que se substituíu a reportaxe: O xinete pálido, de Clint Eastwood. Son uns xenios.


1 Comentario »

Bañista

feijoo

Desde hai moitos anos, tantos como desde que me dedico a este oficio, cubro eleccións de todo tipo coa temporalidade dun recolledor de amorodos. Non houbo unha na que non soñara que alguén, mitineando, sacara do peto un recorte ben dobrado do xornal e o abrira diante do auditorio sinalando a miña firma: “Mirade, compañeiras e compañeiros, o que dixo onte este papán”. Penseino logo de que o luns fixese o xesto Guillerme Vázquez nun acto en Pontevedra. Levou a man ao peto e amosou a entrevista a Feijóo “dun xornal estatal”. Saía Feijóo estatalizado, pois, e contestando a unha pregunta sobre a lingua, ese obxecto de desexo. En Galicia desde hai anos estase a falar moito do bilingüismo e pouco do cunnilingus, e así lle vai á patria. Hai unhas semanas o director Almodóvar dixo que tivo que facerllo a unha actriz para que soubese mellor de que ía a escena. Iso é o que lle interesa ao pobo: saber de que vai o choio e aplicar o conto. Fallou Vázquez de todos os xeitos coa elección da resposta de Feijóo na entrevista, pois a boa era a última: a afección de Feijóo é ir “a calquera dos 1.300 quilómetros de praias de Galicia. E nestes catro anos podo asegurarlle que non sairei de aquí”.


No hay comentarios »

Ordes

Hai un feito a destacar na entrevista que onte Jiménez Losantos lle fixo a Feijóo: o locutor da Cope deixou voz, como é tradición, aos seus oíntes. Losantos é un tipo dun talento extraordinario e dunha intelixencia fabulosa aqueixado dun mal vello co que fixo a súa viaxe ideolóxica: o dogmatismo. Moitos dos seus oíntes non teñen as súas virtudes, e ás veces é moito pracer saber deles porque son como Losantos pero sen a súa formación: menos perigosos, polo tanto, mais esteticamente monstruosos. A Feijóo saíulle onte unha muller de certa idade que non quería preguntarlle nada, senón darlle unha orde. Hai xente así. Un levántase da cama, pon a Cope e debe de ser como o marciano do chiste que atopa un tricornio: que lle veñen de repente unhas ganas de dar unhas hostias… A oínte informaba a Feijóo de que todos os documentos oficiais da Xunta estaban en galego (o ton que puxo foi como se dixese neocelandés, pero eu xuraría que dixo exactamente iso). “Rectifíquelo, por favor”, esixiu. Non sei o que contestou logo Feijóo. Máis por vello que por diaño sei perfectamente que ás veces as preguntas, tanto máis se veñen como ordes, dan moita máis información que as respostas.


No hay comentarios »

Guillerme

Dixen hai tres anos, cando Guillerme era un concelleiro que daquela casaba no Concello de Pontevedra e parecía en retirada, como Perico en Luz Ardiden antes de botar o último ataque, que o seu vello cargo de portavoz municipal lle viña ao pelo. Sempre canso, sempre levantando as cellas a modo de resposta e encollendo os ombros cun apurado desdén: o seu proverbial pasotismo e o seu eterno axóuxere de “xa está todo dito” salpicado polos seus “bahs” e “bohs” con ese verbo áspero de quen é expulsado de OT e sae da academia coa maleta en fenomenal epitafio: “Que vos dean a todos polo cu, home. Aí quedades”. A alguén así non se lle poñen ambicións, pero vese que as ten, o cal é lexítimo e ata recomendable, pois un home intelixente sen ambicións é aínda máis perigoso que un parvo con elas. Guillerme Vázquez, en fin, anda agora nos papeis (onde sempre andan os que teñen ganas de lea) porque quere mandar en Gosford Park, que é o BNG do noso tempo. Con el os nacionalistas perderán solemnidade, que falta lles fai, e gañarán pachorra. Tan necesitado está o debate dela e máis necesitado aínda o pobo, que leva moitos anos vendo no poder a xente que toma o seu demasiado en serio.


No hay comentarios »

Miss

A frivolidade hai que saber entendela desde unha posición afastada de miramentos ideolóxicos e cunha certa deixadez, coma quen che rouba algo que non queres. Os anos fixeron a un frívolo á maneira desa vella mala a quen non lle importa rir a morte do neto parvo: alguén antirretórico máis de chiscadelas que de verdades, e non hai comentario que desbote por unha razón tan literaria como a da banalidade. Así a Miss Universo que saíu dunha visita guiada por Guantánamo dicindo, como a nena superflipada que baixa da noria: “Visitamos os campos dos detidos, vimos os cárceres, onde se bañan… Vimos os cans militares facendo unha demostración moi linda e foi unha viaxe memorable e moi divertida”. Esa personaxe a min interésame non por unha cuestión menor. Hai frivolidades ben caras e esta non o é: é a beleza falando por boca da inocencia, tan sensible á hora do amencer. Como Mariah Carey ao dicir que cando ve os nenos famentos lle dan ganas de chorar: “Quero dicir, encantaríame ser así de fraquiña, pero non con esas moscas e morte e iso”. O atrevemento, por selo, é unha forma moi delicada de verdade. Díxoo Gide e repetiullo Plà: “O máis profundo do home é a súa superficie”.

4 Comentarios »



© 2004–2009. todo el contenido de este blog está sindicado bajo una licencia creative commons.

feed rss. blog empujado por wordpress y montado por juan andrés milleiro gracias a tons of turkish kebab™.