Entradas archivadas De Luns a Venres

Plumaxe

James Joyce e Marcel Proust atopáronse unha vez na súa vida, máis alá da medianoite do 18 de maio de 1922 no hotel Majestic. Naquela cea andaba Picasso, que se emborrachou ata quedar durmido, Stravinski e Joyce, o único que non fora de etiqueta e que só amosaba interese por falar do seu Ulysses, que saíra tres meses antes á rúa. Os anfitrións, Violet e Sydney Schiff, viron chegar de pronto “un home pequeno e sixiloso, metido nun abrigo de peles, que se movía como unha rata”. Xa escribira Na busca do tempo perdido, era unha celebridade maior que Joyce e faltábanlle meses para morrer. Sentáronse un ao lado do outro. Joyce contou anos despois que o único que se dixeran fora “non”. O francés preguntoulle se coñecía a tal duque e Violet Schiff preguntoulle a Proust se lera algún capítulo de Ulysses. “Non” a todo. Pero hai ata seis versións desa breve conversa. Proust debeu mostrarse displicente, porque Joyce, que marchou espantado do seu enterro entre duques, marqueses e baróns, dedicoulle logo algún recado: “Os lectores chegan ás frases de Proust antes de que el termine de escribilas”. A historia está en Proust at the Majestic, un libro de Richard Davenport-Hines co que fixo un traballo espléndido no diario La Nación Tomás Eloy Martínez, morto hai uns días. “Eran aves de plumaxe tan distinta que só se mancarían”, escribiu o gran xornalista.


8 Comentarios »

Mrs Robinson

A min deste asunto non me preocupa ela, senón el e a súa habilidade destrutora coas escusas. O rapaz non quería manter máis sexo porque tiña noiva formal, por aburrimento ou porque estaba mallado, que é a enfermidade sexual propia dos vinte anos. Para elo, non se lle ocorreu outra cousa que dicir que tiña cancro nos testículos. Vaites! Eu escoitei moitas escusas e tamén botei unhas cantas. A escusa é unha arte na que se fomenta a mentira máis desapiadada cunha moi depurada finezza. Hai que traballala de neno; non vale chegar a adulto e andar con parvadas. Quero dicir que tampouco fai falla dicir que che doe a cabeza, que está moi estereotipado, pero home, tería máis credibilidade contarlle á señora que che caeu o rabo na ducha.


15 Comentarios »

García

peregrina

A primeiros de século houbo en Pontevedra un notario ao que lle chamaban señor García, e souben del hai uns meses escribindo unha reportaxe sobre a guerra da capitalidade entre Pontevedra e Vigo, que vén de hai 300 anos. Foi inmortalizado por George Borrow ou Jorgito el Inglés, que chegou un día de 1835 a Pontevedra a vender biblias. Co primeiro que se atopou foi con García, que tiña a Pontevedra como patria e a Vigo como estranxeiro. Nada máis presentarse Borrow, que testemuñou a súa visita en La Biblia en España, un libro que traduciu Azaña e do que Julio Camba dixo nun artigo (La rana viajera, Alhenamedia, 2008) que era unha das glorias máis puras coas que conta a literatura inglesa, García fálalle das miserias de Vigo. Borrow, que non sabe de que vai o conto, conta que oíra falar de que alí estaba a mellor baía do mundo. Despois de catro improperios, o noso notario dille: “Espero que non veña de tan lonxe para defender unha taifa de bandidos como eses de Vigo”. O profesor da Universidade de Vigo Luis Rodríguez Ennes, nun traballo sobre a historia da capitalidade, cita outra mellor de García: “Importaríame moi pouco que ardese Vigo cuns cantos pícaros enriba”. Camba resume todo con moita eficacia: “Pontevedra, fronte a Vigo, non é Pontevedra, senón Madrid”. Sería tremendo saber o que diría hoxe o señor García, o máis pontevedresista que en Pontevedra houbo, e xa é difícil, da superdelegación viguesa.


4 Comentarios »

Vogue

KATE

O outro día, na consulta do médico na Casa do Mar en Mollavao (Pontevedra), un home duns 70 anos e dunha aldea de Tenorio, ao que recoñecín porque o tiña visto no bar Manolo, en Viascón, colleu a Vogue e empezou a lela. Pasaba as páxinas con desgana, mirando de vez en cando á porta da consulta: os dez mandamentos para presumir de lóok saudable no inverno, o ton de pel axeitado e as xoias máis rompedoras do outono. A enfermeira saíu e o vello levantou a cabeza; cando escoitou o nome doutra persoa, volveu á revista. Logo duns minutos parado nunha foto de Kate Moss vestida de domingo, con esas roupas que poñen as modelos para ir á misa, volveu levantar a mirada e topouna coa miña. Foron uns segundos: nese momento sentín que estabamos os dous sos no mundo. “¿Quérela?”, preguntou de pronto. Estirouna coa man ata min. Tremeume o corpo, como cando che ofrecen o primeiro porro. Ata daquela eu lera sempre Semana, a revista da miña avoa (“Reservado Don José”, pon o quiosqueiro na portada), e a Qué Me Dices, que a regalan co Diario. Só me traizoei o día que Tita Cervera publicou as súas memorias en Hola, porque tiña a percepción nada equivocada de que aquilo ía ser o máis destroyer que se tiña publicado en castelán desde San Camilo 1936. Pero a Vogue preocupábase polos famosos por fóra, que non por dentro, e iso xa me parecía a hostia. “Moita revolución para un luns”, pensei. Díxenlle ao vello que non, grazas, que non andaba interesado. E o tipo levantou as cellas, en xesto de sorpresa, e rumiou algo así como “mariquiña”. Cando me tocou entrar, cedinlle a quenda.


6 Comentarios »

GH

FORGES

O mellor deste caso Gürtel non é a corrupción, máis vella que a fame,  senón esa linguaxe patriótica que empregan os heroes nas conversas por teléfono. Por exemplo Pablo Crespo, representante galego da obra  (o noso Pereiro, o noso Cal: o da casa), dille ao seu avogado que a lea que se pode montar de atopar a Policía pornografía na súa caixa de seguridade é “morrocotudo”. Son achegas necesarias, como as que fai de cando en vez Rajoy (“carámbanos”, dixo hai uns meses), e a RAE por estas cousas ten que felicitarse. Outra cousa que me chamou  a atención foi o moito que se queren entre todos: “Feliz Navidad, amiguiño da alma”, dille un ao outro. “Esta xente, aínda que estea feo dicilo, quéreme moito”, cóntalle un ao xuíz. Tanto amor tiñan que dar  que ata encargaban putas para pechar os negocios, que non lles chegaba con descortizar champaña. Logo hai unha palabra que o líder de todo o cotarro, a testemuña dunha voda moi famosa no Escorial, di moito: “Tinglado”. O que tiña que facer o xuíz coas conversas é unha desas nubes de palabras que se atopan fácil por internet. Díxomo o meu avó mirando o parte un día desta semana: “Moita ghravasión de Dios”. E aí estaba dando coa clave, o vello: andaban a montar un imperio e o que fixeron foi un Gran Hermano.


3 Comentarios »

Chat

CHIQUITO

Rematara o partido do Madrid e Luís chamoume por teléfono. Comentamos que as cousas non ían ben cando de pronto, na pantalla do ordenador, saltou o chat de Facebook: era Luís. “¿Oe, estasme a falar polo chat?”. “Si, é por outra cousa”. E empezou a escribir sobre  un problema que tivera coa noiva. Mentres, ao teléfono dicíame que a única solución pasaba por un 4-3-2 con CR9 solto. “Quizais”, líalle, “debería romper con ela”. “Dálle tempo”, escribín. Saltoume nunha  pestana nova do ordenador o correo de Gmail: “¿Oe, saes hoxe?”. Era Luís. “Quero acabar de ler un libro”. E díxenlle que Benzema necesitaría de Huntelaar mentres no chat lle pedín que falase con ela. “Paso”. Un  aviso en Facebook alertoume de que alguén me fixera un comentario nunha foto. Fun mirar: “Mola Vilanova de Gaia: eu ía ir coa moza”. Era Luís. “É do pasado verán”, escribinlle. “Benzema ten moito conto”,  díxome antes de que aparecese isto no chat: “Mira, vou deixala”. Mandoume a ligazón dun artigo de Quim Monzó no Twitter (“que che parece?”) e no correo privado de Facebook preguntoume se tiña Messenger. Eu ía achicando auga cada vez con máis esforzo, seguíndoo en todas as canles (“tesme  saturado, amor”, díxenlle non sei onde) ata que me chegou un sms no móbil. Non sei por que lle pedín desculpas para lelo: era a súa moza. “¿Non o notas raro?”. “Pois non, o que o noto é moito”.


6 Comentarios »

Tupper

jj-vazquez2

O día no que eu toquei fondo nesta profesión foi cando Jorge Javier Vázquez me chamou por teléfono para darme a noraboa por un artigo no que falaba do seu programa cunha ironía salvaxe que non sei se chegou dabondo. Tiven que deixar pasar os segundos e mirar as caras dos compañeiros para saber que non era unha broma, e puxen o altofalante para que ninguén pensase que soñaba. Estas cousas poden pasar agora pola cousa de internet, e teño sabido que chegan ás veces aos protagonistas, pero eu falo dos anos nos que eu escribía no xornal e no papel quedaba: o provincianismo puro e duro cun radio de acción que non chegaba, de ningunha maneira, a Jorge Javier Vázquez. Logo souben que o programa Aquí hay Tomate tiña un marabilloso servizo de prensa que lle achegara o recorte. Lembreime disto antonte cando un amigo me escribiu para contarme algo excepcional: Federico Jiménez Losantos tiña na onda a Jorge Javier Vázquez. “Os máis grandes”, pensei: “Isabel Pantoja e María del Monte”. Alí estaban desenvolvendo a vella fórmula inaugurada a todo trapo por Nieves Herrero en Alcasser: o periodismo das tripas colgando e das emocións suxeitas a intereses sempre felices. O xornalismo de éxito que lle rifa ao espectador e se dirixe a el para convencelo da verdade, non para contarlla. “Non é lixo, é neorrealismo”, dixo o meu querido fan antes de contar na radio, en exclusiva, que a vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega pediu unha vez un tupper para levar o arroz sobrante. E aí quedou esa palabra, tupper, flotando entre os dous, un pouco incómodos.


No hay comentarios »

Familia

stalin_and_wife

Vieiros deu conta dunha desas noticias: o neto de Stalin demanda un xornal por deshonrar o seu avó. A noticia coincide coa publicación de El Mundo dunha reportaxe sobre os cazahitlers: todos mudaron o apelido a Hüttler ou a Stuart-Houston, e non hai descendentes directos, senón sobriños e así. Se non hai cazastalins é porque xa eles van aos xornais a defender a memoria do avó. Tamén os Franco, cando poden e sen chegar aos extremos de tocarlle a cara á prensa, defenden ao seu modo a memoria do ditador: unha falando das tardes de verán en Meirás; outros zurrándolle directamente á muller. Unha  cousa é a familia e outra ben distinta, a humanidade. Claro que hai familias e humanidades: os Hitler disque renuncian a ter fillos para  afundir a liña xenética e acabar coa maldición. Poden reconsiderar  a opinión, e ata mudar o apelido con certo apuro, se a sentenza dá a razón ao neto de Stalin e gaña os 200.000 euros que lle pide ao xornal. De feito, o mundo pode volver encherse de grandes apelidos se os netos denuncian a todo o que deshonre a memoria dos seus queridos avós. É cuestión de miralo con perspectiva siciliana: a familia  é o primeiro.


No hay comentarios »

Tuna

PauloCoelho2.jpeg

Hai anos lin esta frase: “Cando todos os días resultan iguais é porque o home deixou de percibir as cousas boas que xorden na súa vida cada vez que o sol cruza o ceo”. Supoño que estas cousas son as que lle cambian a un a vida. Para mal, naturalmente.  A frase lina de maneira automática, como dixo hai pouco Ildefonso Falcones (o autor matou o personaxe): “Hai que ler sen pensar”. Supoño que iso foi o que me salvou, porque a frase é de Paulo Coelho, a tuna da literatura universal. Lembro un tempo no que lin  El alquimista a proposta dun amigo que xa non o é: un tende a eliminar sen moitos miramentos a xente que se permite este tipo de licenzas. O que xa non sabía é o que vén de contar Jaureguizar en El Progreso: que Paulo Coelho ten Twitter, e que por alí escriben Confucio e ata el mesmo (Coelho, non Jaureguizar). Nese Twitter seu Coelho ten moitos ‘followers’, e precisamente é iso o que sempre me preocupou de Coelho e as súas parábolas de budista pasado de MDMA, da mesma maneira que penso que o mal  non é que exista Charles Manson, senón que haxa quen lle faga caso. E xa sabe como acabaron os ‘followers’ de Manson: non mellor do que poden acabar os de Coelho.


5 Comentarios »

@

O símbolo co que titulo esta columna vén de gañar o Príncipe de Asturias. O seu inventor, Ray Tomlinson, para ser máis exactos. Dise arroba e separou hai máis de 30 anos o nome do servidor para mandar un email a outras redes: viña o futuro. Tomlinson dixera hai tempo que usaba o email para correos de traballo e tamén para comunicarse cos amigos, mais non para o amor. O amor sempre é algo que a xente mira de esguello e con el prefírese a tradición (“as cousas ben feitas”, diría algún ben fachendoso). Tomlinson comenta que prefire as cartas. Cando vexan vostedes nubes de fume ou os ecos do tam-tam pensen en alguén aínda máis romántico que Tomlinson. Nunha das súas arroutadas morriñentas, Saramago dixo hai tempo: “Ningunha bágoa manchará un email”. A frase acollina co entusiasmo da xuventude ata que nun momento de cordura imaxinei o propio Saramago sufríndoa, e non foi tan doado sostela. Daquela tiña coñecemento o Nobel luso do email pero probablemente non do spam, que é a miña fonte predilecta das mensaxes de amor, veña en forma de alongamento de pene ou de moza rusa que me pregunta se me lembro dela e que quere coñecerme mellor. O amor é inesgotable.


2 Comentarios »



© 2004–2009. todo el contenido de este blog está sindicado bajo una licencia creative commons.

feed rss. blog empujado por wordpress y montado por juan andrés milleiro gracias a tons of turkish kebab™.