Caballero
O alcalde de Vigo vén de poñer en poxa os mobles do despacho de Corina Porro e para elo abre as portas: que a xente pase por alí, vexa e compre. Que Abel Caballero ten alma de feirante é algo que os visitantes ocasionais de Vigo xa intuiamos, e que os vigueses teñen por certeza. Poñer un feirante a gobernar a cidade de maior peso de Galicia non é bo nin é malo, porque depende do feirante, pero Caballero é dos tremendos; un señor acomplexado que enche as rúas con eses carteis de feito pola Alcaldía (feito por min) e que ten o límite do ridículo moi baixo, co apuro que sempre dá iso. Despois de catro anos cos mobles do despacho de Porro intactos agora acorda que son luxosos e non valen, e monta un mercado de oportunidades a un mes das eleccións para chamarlle parvo ao pobo, que é como se lle chama á xente cando un fai da súa xestión un recital de carteis, placas e espectáculos pancistas. Seica foron dez persoas por alí a botarlle un ollo á cousa, enténdese a que a metade delas xornalistas e a outra metade curiosos rebotados do Centro Reto. Non sabemos se o alcalde levanta as cadeiras como se fosen bragas e grita iso de que llo están a quitar das mans. Que ande con coidado, non o vaian levar a el para casa, pois agora mesmo en Vigo non parece que haxa ninguén que pague máis por un alcalde que por unha mesa.






El feriante, si es político, no vende otra cosa que a sí mismo. Menos arriesgado lo de ese tal Abel Caballero (¡ya va con los avales puestos en su nombre y patronímico!) que presentarse de madrugada antes los fruteros de Mercamadrid.
Escrito el 29.04.11 a las 9:56