Valença

Confésome choromiqueiro polas imaxes que nos van chegando, en directo pola CNN, da mobilización en Valença do Minho na que as rúas se están a encher de bandeiras españolas al vent, la cara al vent, el cor al vent, les mans al vent. A última vez que tiven tal ataque patriótico foi cando nas rúas de Gaza se queimaron un día centos de bandeiras danesas polas caricaturas de Mahoma. Ese día fun danés, fun palestino e fun polo vento e vin polo aire. ¿Tíñanas colgando nos balcóns? ¿Gardadas baixo a cama? ¿Estendidas nas paredes do salón? ¿De onde sacaban, pensei eu a outro nivel, os independentistas tantas bandeiras españolas e tantos retratos do Rei para queimalas nas manifestacións? ¿Están sostendo economicamente a Zarzuela? A imaxe que eu teño diante do ordenador amósame os vellos de Valença levantando tanta bandeira española xunta que calquera de Tui que se asome a ventá vai pensar que a nós o Mundial nolo venderon por diferido. Iso, ou que un helicóptero anda paseando por alí a estatua do generalísimo que se desmontou onte en Valencia. Total, que o acto non deixa de ter o seu punto de xustiza poética: en Galicia os manifestantes habituais levantan bandeiras portuguesas e os portugueses, en agradecemento, ondean a española. Todo moi irmandiño. Xa no Facebook houbo quen creou o grupo máis divertido que eu mirei na vida: Galeg@s molestos pela bandeira espanhola no canto da galega em Valença. Que tamén penso eu que lles custaría empapelar a vila coas bandeiras dos Suaves.