Transxénicos
Hai uns anos, a Semana Galega da Filosofía tivo entre os seus invitados a Evo Morales, entón presentado como líder cocaleiro, expresión certamente marabillosa que lle dá a un moita máis xerarquía que presidente de Goberno. Fomos á rolda de prensa no Parador de Pontevedra coa expectación de arrincarlle un titular fermoso, pero Morales só lle presentou guerra ao imperialismo, que sempre ten algo de poético pero non ten nada de noticia: é o que se espera dun indíxena de esquerdas. Logo Morales gañou as eleccións en Bolivia e chegou a España cun xersei ben bonito que lle sentou como un tiro a Alfonso Ussía, representante xenuíno desa dereita á que lle importa menos que lle toquen as pelotas que que lle toquen a raza. Xa no poder, e mentres fai fronte ao imperialismo –inimigo escuro e descoñecido que absorbe moitas forzas– Morales ten máis marxe e acaba de declararlle a guerra aos transxénicos, aos que culpabiliza dos grandes males do noso tempo: a calvicie, a homosexualidade e non dixo nada do burato da capa de ozono porque se lle acababa o tempo. Os argumentos de bruxo son os que mellor teñen cabida nas portadas e ademais lle dan ao debate outro relieve. Do que non se fixo moito fincapé é que Evo Morales, despois de meterse coa Coca-Cola, presumiu do pelo forte dos indíxenas axitando o seu como o león da Metro Goldwin Mayer.






Hostiaca, ¿cómo recojones se pronuncia ese palabro?
Escrito el 23.04.10 a las 12:10