Ceos

Cóntao Jaime Serra, xefe de infografía de La Vanguardia: no seu Facebook aparécelle o típico aviso referente a un amigo co que levas tempo sen escribirte: “Fernando Rubio. Retoma o contacto con el”. Fernando Rubio era o xefe de infografía de ABC. Morreu hai uns meses aos 53 anos. Di Serra que ao principio lle pareceu de mal gusto, pero que acabou retomando o contacto que lle pedía Facebook: “Esteas onde esteas, grazas novamente e para sempre, Fer”. O pasado sábado unha moza usaba a mesma expresión no seu Facebook: “Esteas onde esteas”. Antes escribira no muro dun rapaz que tiña o seu perfil aberto. A dela non era a única mensaxe. Desfilaban amigos dicíndolle que o ían botar de menos, que choraban por non velo nunca máis. Alí estaba a actividade do rapaz: as súas últimas amizades feitas e os comentarios nunhas fotos días antes; era a súa biografía Facebook, o rastro de lugares nos que andou. Busquei en Google e atopei a morte dun condutor de 24 anos en Vigo unhas horas antes. A súa páxina é hoxe o libro de visitas dos velorios e por ela pasaron estes días os familiares para agradecer o cariño dos amigos. A súa foto de perfil amósao en bañador paseando por un xardín nun día de sol; non creo eu en ceos, pero de existir un, ten que ser moi parecido a ese.