Plumaxe

James Joyce e Marcel Proust atopáronse unha vez na súa vida, máis alá da medianoite do 18 de maio de 1922 no hotel Majestic. Naquela cea andaba Picasso, que se emborrachou ata quedar durmido, Stravinski e Joyce, o único que non fora de etiqueta e que só amosaba interese por falar do seu Ulysses, que saíra tres meses antes á rúa. Os anfitrións, Violet e Sydney Schiff, viron chegar de pronto “un home pequeno e sixiloso, metido nun abrigo de peles, que se movía como unha rata”. Xa escribira Na busca do tempo perdido, era unha celebridade maior que Joyce e faltábanlle meses para morrer. Sentáronse un ao lado do outro. Joyce contou anos despois que o único que se dixeran fora “non”. O francés preguntoulle se coñecía a tal duque e Violet Schiff preguntoulle a Proust se lera algún capítulo de Ulysses. “Non” a todo. Pero hai ata seis versións desa breve conversa. Proust debeu mostrarse displicente, porque Joyce, que marchou espantado do seu enterro entre duques, marqueses e baróns, dedicoulle logo algún recado: “Os lectores chegan ás frases de Proust antes de que el termine de escribilas”. A historia está en Proust at the Majestic, un libro de Richard Davenport-Hines co que fixo un traballo espléndido no diario La Nación Tomás Eloy Martínez, morto hai uns días. “Eran aves de plumaxe tan distinta que só se mancarían”, escribiu o gran xornalista.