Vogue

KATE

O outro día, na consulta do médico na Casa do Mar en Mollavao (Pontevedra), un home duns 70 anos e dunha aldea de Tenorio, ao que recoñecín porque o tiña visto no bar Manolo, en Viascón, colleu a Vogue e empezou a lela. Pasaba as páxinas con desgana, mirando de vez en cando á porta da consulta: os dez mandamentos para presumir de lóok saudable no inverno, o ton de pel axeitado e as xoias máis rompedoras do outono. A enfermeira saíu e o vello levantou a cabeza; cando escoitou o nome doutra persoa, volveu á revista. Logo duns minutos parado nunha foto de Kate Moss vestida de domingo, con esas roupas que poñen as modelos para ir á misa, volveu levantar a mirada e topouna coa miña. Foron uns segundos: nese momento sentín que estabamos os dous sos no mundo. “¿Quérela?”, preguntou de pronto. Estirouna coa man ata min. Tremeume o corpo, como cando che ofrecen o primeiro porro. Ata daquela eu lera sempre Semana, a revista da miña avoa (“Reservado Don José”, pon o quiosqueiro na portada), e a Qué Me Dices, que a regalan co Diario. Só me traizoei o día que Tita Cervera publicou as súas memorias en Hola, porque tiña a percepción nada equivocada de que aquilo ía ser o máis destroyer que se tiña publicado en castelán desde San Camilo 1936. Pero a Vogue preocupábase polos famosos por fóra, que non por dentro, e iso xa me parecía a hostia. “Moita revolución para un luns”, pensei. Díxenlle ao vello que non, grazas, que non andaba interesado. E o tipo levantou as cellas, en xesto de sorpresa, e rumiou algo así como “mariquiña”. Cando me tocou entrar, cedinlle a quenda.