García

peregrina

A primeiros de século houbo en Pontevedra un notario ao que lle chamaban señor García, e souben del hai uns meses escribindo unha reportaxe sobre a guerra da capitalidade entre Pontevedra e Vigo, que vén de hai 300 anos. Foi inmortalizado por George Borrow ou Jorgito el Inglés, que chegou un día de 1835 a Pontevedra a vender biblias. Co primeiro que se atopou foi con García, que tiña a Pontevedra como patria e a Vigo como estranxeiro. Nada máis presentarse Borrow, que testemuñou a súa visita en La Biblia en España, un libro que traduciu Azaña e do que Julio Camba dixo nun artigo (La rana viajera, Alhenamedia, 2008) que era unha das glorias máis puras coas que conta a literatura inglesa, García fálalle das miserias de Vigo. Borrow, que non sabe de que vai o conto, conta que oíra falar de que alí estaba a mellor baía do mundo. Despois de catro improperios, o noso notario dille: “Espero que non veña de tan lonxe para defender unha taifa de bandidos como eses de Vigo”. O profesor da Universidade de Vigo Luis Rodríguez Ennes, nun traballo sobre a historia da capitalidade, cita outra mellor de García: “Importaríame moi pouco que ardese Vigo cuns cantos pícaros enriba”. Camba resume todo con moita eficacia: “Pontevedra, fronte a Vigo, non é Pontevedra, senón Madrid”. Sería tremendo saber o que diría hoxe o señor García, o máis pontevedresista que en Pontevedra houbo, e xa é difícil, da superdelegación viguesa.