GH

O mellor deste caso Gürtel non é a corrupción, máis vella que a fame, senón esa linguaxe patriótica que empregan os heroes nas conversas por teléfono. Por exemplo Pablo Crespo, representante galego da obra (o noso Pereiro, o noso Cal: o da casa), dille ao seu avogado que a lea que se pode montar de atopar a Policía pornografía na súa caixa de seguridade é “morrocotudo”. Son achegas necesarias, como as que fai de cando en vez Rajoy (“carámbanos”, dixo hai uns meses), e a RAE por estas cousas ten que felicitarse. Outra cousa que me chamou a atención foi o moito que se queren entre todos: “Feliz Navidad, amiguiño da alma”, dille un ao outro. “Esta xente, aínda que estea feo dicilo, quéreme moito”, cóntalle un ao xuíz. Tanto amor tiñan que dar que ata encargaban putas para pechar os negocios, que non lles chegaba con descortizar champaña. Logo hai unha palabra que o líder de todo o cotarro, a testemuña dunha voda moi famosa no Escorial, di moito: “Tinglado”. O que tiña que facer o xuíz coas conversas é unha desas nubes de palabras que se atopan fácil por internet. Díxomo o meu avó mirando o parte un día desta semana: “Moita ghravasión de Dios”. E aí estaba dando coa clave, o vello: andaban a montar un imperio e o que fixeron foi un Gran Hermano.






La pastuqui, M. Una pastuqui importante.
Escrito el 9.10.09 a las 14:44