Chat

CHIQUITO

Rematara o partido do Madrid e Luís chamoume por teléfono. Comentamos que as cousas non ían ben cando de pronto, na pantalla do ordenador, saltou o chat de Facebook: era Luís. “¿Oe, estasme a falar polo chat?”. “Si, é por outra cousa”. E empezou a escribir sobre  un problema que tivera coa noiva. Mentres, ao teléfono dicíame que a única solución pasaba por un 4-3-2 con CR9 solto. “Quizais”, líalle, “debería romper con ela”. “Dálle tempo”, escribín. Saltoume nunha  pestana nova do ordenador o correo de Gmail: “¿Oe, saes hoxe?”. Era Luís. “Quero acabar de ler un libro”. E díxenlle que Benzema necesitaría de Huntelaar mentres no chat lle pedín que falase con ela. “Paso”. Un  aviso en Facebook alertoume de que alguén me fixera un comentario nunha foto. Fun mirar: “Mola Vilanova de Gaia: eu ía ir coa moza”. Era Luís. “É do pasado verán”, escribinlle. “Benzema ten moito conto”,  díxome antes de que aparecese isto no chat: “Mira, vou deixala”. Mandoume a ligazón dun artigo de Quim Monzó no Twitter (“que che parece?”) e no correo privado de Facebook preguntoume se tiña Messenger. Eu ía achicando auga cada vez con máis esforzo, seguíndoo en todas as canles (“tesme  saturado, amor”, díxenlle non sei onde) ata que me chegou un sms no móbil. Non sei por que lle pedín desculpas para lelo: era a súa moza. “¿Non o notas raro?”. “Pois non, o que o noto é moito”.