Tupper

O día no que eu toquei fondo nesta profesión foi cando Jorge Javier Vázquez me chamou por teléfono para darme a noraboa por un artigo no que falaba do seu programa cunha ironía salvaxe que non sei se chegou dabondo. Tiven que deixar pasar os segundos e mirar as caras dos compañeiros para saber que non era unha broma, e puxen o altofalante para que ninguén pensase que soñaba. Estas cousas poden pasar agora pola cousa de internet, e teño sabido que chegan ás veces aos protagonistas, pero eu falo dos anos nos que eu escribía no xornal e no papel quedaba: o provincianismo puro e duro cun radio de acción que non chegaba, de ningunha maneira, a Jorge Javier Vázquez. Logo souben que o programa Aquí hay Tomate tiña un marabilloso servizo de prensa que lle achegara o recorte. Lembreime disto antonte cando un amigo me escribiu para contarme algo excepcional: Federico Jiménez Losantos tiña na onda a Jorge Javier Vázquez. “Os máis grandes”, pensei: “Isabel Pantoja e María del Monte”. Alí estaban desenvolvendo a vella fórmula inaugurada a todo trapo por Nieves Herrero en Alcasser: o periodismo das tripas colgando e das emocións suxeitas a intereses sempre felices. O xornalismo de éxito que lle rifa ao espectador e se dirixe a el para convencelo da verdade, non para contarlla. “Non é lixo, é neorrealismo”, dixo o meu querido fan antes de contar na radio, en exclusiva, que a vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega pediu unha vez un tupper para levar o arroz sobrante. E aí quedou esa palabra, tupper, flotando entre os dous, un pouco incómodos.

