Súper
Non lembro agora se Feijóo xa prometeu superdelegados na campaña, pero se foi así perdín unha oportunidade estupenda xa non digo de votarlle, que estas cousas hai que levalas con moderación, pero si de alabarlle o gusto. As grandes palabras son as que fan política. Cando alguén promete superdelegados hai que suspender a campaña e sentalo en San Caetano. Pero que un superdelegado saque praza en Vigo non fai graza en Pontevedra, que ten complexo de ser capital de provincia tendo a poboación dunha aldea, que digo eu que chegará o ano no que queden dúas familias e haxa que vir aquí facer papeis. Quizais para contrarrestar o dano, Feijóo vaise rodeando de pontevedreses e tamén pontevedrinas, como Pilar Rojo. O que xa non fixo na súa investidura Feijóo foi un superdiscurso, quizais porque en Santiago van quedando menos cabinas. Preferiu un plano de man tendida e grandes intencións: todo mentira. Lémbrame a eses tipos que fichan polo Barça ou lles toca a lotería: “Eu son o mesmo e teño os mesmos amigos”. Non, home, ¿ti a qué estás?, o mesmo xa non eres, e ademais, cómo vas ter os mesmos amigos. ¿Vas ir con eles de acampada a Baltar ou págaslles as vacacións en Lago Esmeralda?





